Tuesday 21 de May de 2024

Medio Ambiente axudará a 30 entidades locais a implantar puntos limpos móbiles e o quinto contedor nos seus municipios


A conselleira Ángeles Vázquez anuncia que o seu departamento vén de resolver a orde de subvencións convocada o pasado febreiro e en virtude da cal repartirá máis de 820.000 euros co fin de mellorar a xestión municipal dos residuos urbanos

Unha trintena de entidades locais galegas recibirán este ano 824.195 euros en axudas para a instalación de puntos limpos móbiles nos seus municipios e promover medidas destinadas á implantación da recollida selectiva da fracción orgánica dos residuos urbanos. Así o anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita ao punto limpo de A Laracha (A Coruña), un dos concellos que resultaron beneficiarios da orde de axudas convocada o pasado febreiro e que percibirá preto de 40.000 euros en virtude da mesma.

Con esta liña de axudas, a primeira que contempla expresamente entre os seus obxectivos a implantación de puntos limpos móbiles, búscase favorecer e apoiar aos concellos e entidades supramunicipais no desenvolvemento das súas competencias en materia de xestión de residuos.

Neste sentido, as entidades beneficiarias solicitaron acollerse a unha das dúas liñas de actuación subvencionables: a adopción de medidas para implantar a recollida separada da fracción orgánica que forma parte dos residuos domésticos ou a implantación de puntos limpos móbiles dotados de diferentes compartimentos.

En canto á primeira, a conselleira explicou que grazas a estas axudas, as entidades beneficiarias poderán dotarse de contedores de proximidade de cor marrón (o chamado quinto contedor) e dos equipamentos necesarios para a súa instalación. A Laracha foi unha das seis entidades locais ás que se lles concedeu esta liña de subvención, á que en total se destinou un investimento de 177.148 euros.

Polo que respecta á implantación de puntos limpos móbiles, Ángeles Vázquez subliñou que 24 administracións de carácter municipal e supramunicipal beneficiaranse das axudas para levar a cabo este tipo de proxectos, cun investimento neste capítulo de 647.000 euros. Neste sentido, explicou que grazas a este tipo de instalacións propiciarase a mellora e a ampliación dos servizos prestados pola rede galega de puntos limpos de Galicia (composta actualmente por 147 infraestruturas fixas) para a xestión de residuos especiais de competencia municipal, co fin de favorecer a súa adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización.

En ambas liñas, os beneficiarios deberán acompañar a implantación de medidas prácticas con campañas de difusión e sensibilización que incentiven a participación cidadá e a súa concienciación en materia de separación de residuos e reciclaxe.
Apoio para adaptarse ás esixencias da UE
Por todo isto, Vázquez Mejuto salientou a importancia dunha orde de axudas a través da cal o seu departamento brindará apoio económico ás Administracións locais interesadas para que poidan dotarse de ferramentas efectivas coas que alcanzar un modelo de xestión dos residuos urbanos adaptados ás esixencias europeas e estatais.
Así, lembrou que segundo a directiva comunitaria que regula esta materia, a recollida separada da fracción orgánica do lixo doméstico deberá estar implantada desde o 31 de decembro do próximo ano, no caso dos concellos de máis de 5.000 habitantes, e para todos, antes do 31 de decembro de 2023.

Reducir o peso que ten na actualidade a fracción orgánica sobre o conxunto dos residuos que se xeran en Galicia –aproximadamente un 42% do total- é un dos grandes obxectivos que se marca a Xunta para poder cumprir cos mandatos europeos e estatais en materia de xestión de residuos.

Neste contexto enmárcanse todas as iniciativas e campañas impulsadas nos últimos anos desde a Consellería de Medio Ambiente co fin de colaborar cos concellos e apoialos na implantación progresiva de sistemas para a recollida selectiva e o posterior tratamento da fracción orgánica dos residuos domésticos.

Na seguinte táboa indícanse os beneficiarios das axudas, tanto para a implantación de puntos limpos móbiles, así como para proxectos de nova implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais.